TODOSLOSNOMBRES
  Login or Regístrate
 • Inicio • Todoslosnombres • Tu Cuenta • Foro • 
Gente Online
Actualmente hay 9 invitad@s, 0 usuari@(s) conectad@(s).

Eres usuari@ anónim@. Puedes registrarte aquí
 
Principal
Inicio

Listado Todoslosnombres

Informe desapariciones

El Proyecto
Agradecimientos
Colaboraciones
Voluntariado

Noticias
Hemeroteca
Descargas

Audiovisual

Libros recomendados

Enlaces
Contacta

Regístrate
Tu Cuenta

Recomiéndanos
Foro

 
Visitas
Visitas recibidas
592.993

Portal activo desde enero 2006
 
HOMENAXE A MANUEL SARILLE LANCEIRO 
Palabras en memoria de Manuel Sarille Lanceiro, Presidente da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo (falecido o 25 de maio de 2008), pronunciadas na multitudinaria homenaxe tributada polo pobo de Lugo o 28 de maio de 2008
Por Claudio Rodríguez Fer
Como é sabido a enerxía non se crea nin se destrúe, soamente se transforma, e Manuel Sarille Lanceiro, que era pura enerxía, segue e seguirá existindo a través da súa muller Olga e do seu fillo Xosé Manuel, así como dos descendentes destes; a través das súas obras, que foron moitas, e a través de todos os que o coñecemos, que somos moitos tamén. Para min, que vou falar del a través da memoria, será sempre o recreador d'A Pascua de Montecubeiro, sátira teatral en verso de tradición oral, publicada na revista Ólisbos nos anos noventa precisamente por iniciativa miña e logo representada e interpretada coa máxima graza polo propio Sarille en Montecubeiro nun acto multitudinario. Para min será tamén sempre o leal editor do libro Arximiro Rico.

Luz dos humildes, vida e morte dun mestre republicano realizado polo seu fillo Xosé Manuel Sarille e polo noso común amigo Narciso de Gabriel, pois sempre mantivo viva a memoria e o agradecemento a quen fora seu mestre e a quen resultara tan vilmente asasinado. Por suposto, para min será igualmente sempre o informante e o protagonista da novela Polos fillos dos fillos, de Xosé Manuel Sarille, sobre a matanza acontecida en Montecubeiro en 1937, así como o promotor do monólito a aquelas vítimas en colaboración co Concello de Castroverde, dúas das maiores satisfaccións da súa vida. Mais na súa existencia chea de compromisos e de loitas das que a miúdo daba testemuño escrito na prensa, onde por certo non lle publicaban todo o que enviaba, para min será ante todo o fundador e o presidente da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.
Nunca esquecerei o día do ano 2005 en que tras presentar Carmen Blanco, María Xesús Souto Blanco, María Lopo e máis eu na Galería Sargadelos de Lugo o monográfico dos cadernos Unión libre dedicado á "Memoria antifascista de Galicia", en presenza de netos do Doutor Rafael de Vega Barrera e doutras persoas con el relacionadas, como Sofía Andrade e Xesús Pérez Regueiro, lin o poema "A loita continúa", que alude ao masacre de Montecubeiro, e observei con emoción que o rexo e combativo Sarille choraba a cada verso. E, rematado o acto, Manuel Sarille Lanceiro propúxonos aos presentes formar unha asociación promotora da recuperación da memoria histórica que resultou ser a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, da que por suposto foi o seu presidente.
Naceu así pois unha Asociación, con domicilio social na Galería Sargadelos de Lugo (onde Sarille presidiu a súa presentación pública), dedicada á investigación e divulgación da memoria histórica da represión para que se coñecese a verdade e para que nunca se repetise, así como para realizar accións de dignificación das vítimas barbaramente maltratadas durante a ditadura e inxustamente esquecidas na actualidade. Falou no seu nome Sarille na radio, na televisión e nos máis diversos foros e xuntanzas, intervindo en actos tan significativos cualitativa e cuantitativamente como a inauguración do monumento ao doutor Rafael de Vega Barrera, no que interveu xunto aos descendentes de Vega e ao alcalde de Lugo, ou o encontro universitario "As vítimas do 36 en Galicia. Memoria e Paz para sempre", onde presentou a súa investigación sobre o asasinato do mestre e deputado republicano Díaz Villamil. Sarille quedou moi satisfeito co resultado destas dúas convocatorias e, particularmente, co numeroso público xuvenil da última delas, como tamén de todas as homenaxes aos mestres da República e en concreto ao seu mestre Arximiro Rico.
Non é de estrañar, pois, que a Asociación recibise agora as máis sinceras condolencias por parte da Fundación Luís Tilve, tan comprometida coa memoria; da historiadora da represión María Xesús Souto Blanco, da exhumadora de vítimas Carmen García-Rodeja; de numerosos asociados e colaboradores ou do grupo de investigación "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" en escrito do seu director Lourenzo Fernández Prieto, quen lembrou e agradeceu moi expresivamente a importante contribución de Sarille a este proxecto de reconstrución da memoria, polo que a nosa Asociación tanto avogou.
Agora ben, Sarille non conseguiu aínda levar a efecto todas as súas iniciativas, pero digo que non o conseguiu aínda porque o conseguirá a través de nós: por exemplo, un monumento ao mestre Arximiro Rico no Cádavo; por exemplo, unha placa ao mestre Díaz Villamil na Pontenova; por exemplo, un monumento a todas as vítimas do fascismo en Lugo, para o que se conseguiu xa no 2006 un deseño de Isaac Díaz Pardo.
Emocionouse Sarille cando no encontro sobre "As vítimas do 36 en Galicia. Memoria e Paz para sempre" se lle entregou un gravado orixinal de Sara Lamas sobre a súa irmá Carmen, asasinada en plena xuventude polo grave delito de ser sinxelamente irmá. Porque, en efecto, Sarille comprendeu que xa moitos nos sentimos irmáns daquela vítima e de cantos perderon a vida inxustamente a raíz de 1936. Na última conversa que mantivemos, xa telefonicamente, agradeceume o poema "As tres mapoulas de Montecubeiro", referido ás tres mulleres asasinadas naquel masacre en 1937, e que lle está dedicado. Con el vou rematar, porque sei que así lle gustaría a Sarille e porque acaba aludindo ao penedo conmemorativo que con tanto empeño conseguiu erguer en Montecubeiro, un penedo do que estaba tan orgulloso e que tanto se lle parece:

AS TRES MAPOULAS DE MONTECUBEIRO
En memoria da humildísima Virxinia Meilán Varela, das mozas Carmen Sarille Lanceiro e Manuela Graña Rico, e das demais vítimas do masacre de agosto de 1937 en Montecubeiro (Castroverde).

Ao mestre exemplar Arximiro Rico, alí martirizado, e aos seus discípulos directos e indirectos Manuel Sarille Lanceiro, Xosé Manuel Sarille e Narciso de Gabriel.

Entre as medorras e os castros,
polos ríos e polos regos,
baixo os soutos e sobre as carballeiras,
onde pacen en paz vacas e ovellas,
o canto do estorniño doce entoa
o nome mártir de Manuela Graña.
Co vento dos cereais e a quietude do leite,
coa nabiza dos nabos e o grelo das nabizas,
coas patacas apañadas e as de debaixo da terra,
a conciencia medra como a herba e as árbores
para imporse clamando monte arriba
o nome noso de Carmen Sarille.
As sombras dos ameneiros e os salgueiros
nas ribeiras de flora flotante,
as carreiras dos corzos e dos lobos,
a verea dos xabarís e o voo das vacalouras
debuxan co fume de afumar chourizos
o nome amantísimo de Virxinia Meilán.
Entre os toxos, sobre a neve,
na seca e nas enxurradas,
tres mapoulas iluminan
noite e día Montecubeiro:
Virxinia, Carmen, Manuela.
ran fermosas como pétalos.
Perduran como penedos.
Enviado el Miércoles, 4 de Junio del 2008 (14:17:26) por casin
 
Enlaces Relacionados
· Más Acerca de
· Noticias de casin


Noticia más leída sobre :
Esquelas de las dos Españas

 
Votos del Artículo
Puntuación Promedio: 5
votos: 3


Por favor tómate un segundo y vota por este artículo:

Excelente
Muy Bueno
Bueno
Regular
Malo

 
Opciones

 Versión Imprimible Versión Imprimible

 Enviar a un Amig@ Enviar a un Amig@

 
 
Contactar con : webmaster
Web site engine code is Copyright © 2003 by PHP-Nuke. All Rights Reserved. PHP-Nuke is Free Software released under the GNU/GPL license.
Página Generada en: 0.05 Segundos